BIOGRAFÍA

4María Reimóndez é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e traballa dende o ano 1997 como tradutora e sobre todo como intérprete.  As súas linguas de traballo principais son o galego, inglés, alemán e castelán.  No campo da interpretación o seu traballo céntrase sobre todo en congresos, algúns deles de contido altamente técnico e especializado. Unha das áreas de traballo máis frecuentes é a da pesca e produción animal, se ben a medicina segue sendo para Reimóndez o eido máis interesante á hora de poñer os cascos e botarse a interpretar. Desenvolve tamén un intenso labor de investigación no campo da tradución dende un enfoque feminista e poscolonial. Ten publicados diversos artigos sobre estes temas como este que podes consultar aquí.

Durante tres anos exerceu a docencia das materias de Interpretación Consecutiva Inglés-Galego-Inglés e de Interpretación Simultánea de Congresos Científico-Técnicos Inglés-Castelán-Inglés na Universidade de Vigo. En canto á tradución técnica son tamén moitos os temas de interese desta profesional, tradutora de preferencia da editorial especializada en adestramento canino KNS. Ten cursos de especialización en tradución veterinaria e en interpretación dende o alemán.

Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego . En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.

María Reimóndez é socia fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), da que foi secretaria e tamén forma parte da Asociación de Tradutoras/es Galegas/os (ATG).